Paneis solares transparentes: a última revolución da Universidade de Michigan

Investigadores da Universidade de Michigan conseguiron desenvolver uns paneis solares transparentes que poden xerar electricidade. Un importante avance no desenvolvemento de sistemas de captación de enerxía limpa que pode ter un importante desenvolvemento na industria do automóbil e, sobre todo, no sector da construción sustentable.

É a primeira vez que se consegue desenvolver unha cela transparente na súa totalidade cunha eficacia de conversión do 5% (un pouco menos do que o mellor concentrador solar luminiscente (LSC) logra cun 6% de eficacia). O panel está composto por moléculas orgánicas capaces de absorber os espectros de luz ultravioleta e infravermella. Estes espectros de luz son convertidos en electricidade por medio de tiras finas de celas fotovoltaicas.

"As células solares altamente transparentes representan a tendencia de futuro na que debemos incidir nas novas aplicacións solares", dixo Richard Lunt, profesor adxunto de Enxeñería Química e Ciencia de Materiais na Universidade de Michigan. "Analizamos o seu potencial e mostramos que ao capturar só luz invisible, estes dispositivos poden proporcionar un potencial de xeración de electricidade similar ao da enerxía solar que se consegue coas placas solares situadas nas azoteas, ao tempo que ofrecen novas posibilidades para mellorar a eficiencia enerxética dos edificios, automóbiles ou dispositivos electrónicos móbiles".

Polo momento o proxecto atópase en fase de desenvolvemento, pero os seus creadores están convencidos de que este é o primeiro paso para conseguir integrar definitivamente a enerxía solar. Os paneis poderán situarse xunto aos cristais das ventás de grandes edificios converténdose así nos propios xeradores da enerxía que necesita no seu interior.

Pero as aplicacións poden ser múltiples: dende as ventaíñas dos automóbiles para xerar a enerxía necesaria para a calefacción ata as pantallas dos dispositivos que requiran enerxía como poden ser os smartphones ou as tablets.

(Fonte: La Razón)