Só o 22% dos europeos optaría polas criptomoedas se desaparecese o efectivo

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

A asimilación das criptomoedas como método de pago por parte da poboación europea aínda está afastada. Aínda que a curiosidade e a información sobre as moedas dixitais aumentaron no Vello Continente, o costume impulsa a confiar no que xa se coñece, polo que unha hipotética substitución do diñeiro en efectivo polo virtual non contaría co favor dos usuarios.

A sétima enquisa internacional realizada por ING sobre novas tecnoloxías indica que o 82% dos europeos posúe algún tipo de información axeitada sobre as criptomoedas, pero este grupo non é nin moito menos uniforme: o 41% ten grandes expectativas sobre as moedas virtuais, mentres que o 23% opina todo o contrario.

Neste sentido, a enquisa demostra que existe curiosidade polas moedas dixitais, pero a desconfianza tamén é grande. «Para que as criptomoedas se xeneralicen fan falta avances técnicos, pero para xerar confianza e aceptación máis alá dun núcleo de entusiastas sería moi interesante a asociación con compañías coñecidas. Noutras palabras, as criptomoedas terían que presentarse aos posibles usuarios dentro do marco financeiro existente, e non fóra del», indica Teunis Brosens, economista xefe de Finanzas Dixitais e Regulación en ING.

Deste modo, moi poucos europeos aceptarían sen reservas este medio de pago e só un 22% o preferiría en caso de que o diñeiro en efectivo deixase de existir. Por outro lado, só a cuarta parte dos que contan con información sobre as criptomoedas se mostra conforme a usalas en paralelo co diñeiro en metálico.

Futuro do consumo

Mentres que na vida cotiá o percorrido das criptomoedas, polo menos polo momento, parece limitado, no comercio dixital o camiño é máis amplo. A terceira parte dos enquisados está convencida de que as criptomoedas representan o futuro do consumo por Internet e un 27% aceptaría recibir novas ofertas de criptomoedas de compañías e entidades que coñece e cre que os bancos deberían ofrecer contas correntes en criptomoedas.

Esta visión positiva prodúcese a pesar da existencia dunha ampla confusión con respecto ao seu funcionamento real. Aínda que un 74% dos enquisados comprende que son unha clase de moeda dixital, un número case idéntico (73%) pensa, equivocadamente, que están baixo o control dunha entidade central ou o descoñece.

Segundo Jessica Exton, especialista en comportamento en ING: «A xente non pide coñecer os detalles sobre o funcionamento das criptomoedas ou sobre o que son en realidade, pero existe un debate sobre se deberiamos utilizalas se chegasen a demostrar a súa utilidade. En Europa a opinión sobre o futuro das criptomoedas como medio de pago por Internet está dividida a partes iguais entre os que teñen visións positivas (32%), negativas (33%) ou neutras (35%), e estas cifras non cambiaron moito no último ano. Aínda que existen grupos pequenos que miran con auténtico entusiasmo o futuro das criptomoedas, demostrar as súas virtudes e a súa relevancia na vida cotiá será clave para converter o interese que revelou o noso estudo nunha auténtica revolución financeira».

(Fonte: Expansión)