Bill Gates financiará unha máquina que transforma refugallos humanos en auga potable

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
O fundador de Microsoft, Bill Gates, anunciou no seu blog que a súa fundación financiará unha máquina que transforma refugallos humanos en auga potable e electricidade. Nun vídeo no que explica o funcionamento do aparato, chamado Janicki Omniprocessor, aparece el mesmo bebendo un vaso de auga que minutos antes eran feces humanas.

Coñecido polas súas accións filantrópicas, Gates preséntanos agora o Janicki Omniprocessor, que toma o nome de Peter Janicki, o CEO da empresa de enxeñería Janicki Bioenergy, encargada de desenvolver e construír a máquina. Unha máquina que pretende mellorar as condicións de salubridade dos países menos desenvolvidos e 'reciclar' os refugallos humanos en enerxía e auga potable.

O mecanismo do Janicki Omniprocessor consiste en extraer a auga das augas residuais a través dun proceso de secado. A continuación os desperdicios secos quéimanse para xerar vapor e este é o que produce a enerxía eléctrica. Mentres, a auga extraída durante o proceso de secado fíltrase e límpase para que sexa segura para beber.

A Fundación Bill and Melinda Gates é a que financiará o proxecto, que xa se está probando en Dakar, en Senegal. Gates explica que a máquina é capaz de xestionar os residuos dunha comunidade de 100.000 persoas, producindo ata 86.000 litros de auga ao día e 250 kw de electricidade.

Segundo Gates, polo menos 2000 millóns de persoas en todo o mundo non ten acceso a condicións hixiénicas adecuadas. En moitos casos, explica, a mala drenaxe das feces humanas fai que se contamine o subministro de auga potable de millóns de persoas, algo que ten "consecuencias catastróficas". O Omniprocessor pretende axudar a resolver este problema.

Bill Gates quixo demostrar o seu compromiso coa iniciativa bebendo un vaso de auga sacada da máquina e que só minutos antes era auga residual. Gates asegura que "é tan boa como calquera outra que bebese dunha botella" e que "a bebería encantado todos os días".

(Fonte: Europa Press)