Desenvolven un novo material para fabricar illantes do calzado reutilizando pneumáticos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Calcúlase que unhas 300.000 toneladas de pneumáticos pasan a estar fóra de uso en España cada ano e unhas 2.000.000 de toneladas en toda Europa, das cales unha terceira parte vai parar a vertedoiros ilegais. Trátase dun residuo de difícil tratamento que pode tardar uns 1000 anos en desaparecer de forma natural.

O enorme volume de pneumáticos en desuso fixo que nos últimos anos se buscaran fórmulas para dar unha segunda vida a este residuo. Produtos para facer pavimentos, material para obras públicas ou o chan dos parques infantís son algunhas das saídas que se atoparon para liberar de pneumáticos os vertedoiros, pero a gran maioría vai parar a plantas de valorización enerxética, onde se minimiza este residuo a través da combustión e se aproveita a enerxía para producir vapor e electricidade.

Agora, un equipo de investigadores da Universitat Rovira i Virgili (URV), xunto con investigadores da Universitat Politècnica de Catalunya-BarcelonaTech (UPC), atoparon unha nova aplicación á goma vulcanizada procedente dos pneumáticos, a cal, mediante un proceso sinxelo e combinándoa cun polímero, se pode reconverter en material illante para o calzado.

O equipo investigador, encabezado na URV por Marc Marín, do Departamento de Enxeñería Mecánica, desenvolveu este material despois de combinar a goma vulcanizada procedente dos pneumáticos con polímeros en baixas proporcións. Durante esta investigación, que publicou a revista Applied Sciences, os investigadores fixeron ensaios con varios polímeros en concentracións diferentes ata atopar a combinación idónea que permitise desenvolver un material illante para o calzado que cumprise cos criterios de condutividade, elasticidade e resistencia á ruptura aptos para que poidan facer a súa función.

"Achegar un 10% de goma vulcanizada a unha base polimérica permítenos crear este novo produto, que dá os mellores resultados cando o polímero utilizado é etilvinilacetato, co que se fai a goma EVA", apunta Marc Marín.

No traballo, os investigadores tamén tiveron en conta a sustentabilidade e viabilidade económica deste produto. "Implementalo suporía un aforro no proceso de produción das empresas, xa que permitiría unha redución de custos porque se utilizaría unha porcentaxe máis baixa de materia prima, que se substituiría pola goma vulcanizada procedente dos vertedoiros", engade Marín.

40.000 toneladas menos de CO2

Segundo os resultados da investigación, e facendo un cálculo cos datos do volume de produción de calzado a escala global, Marín afirma que "se as empresas produtoras de calzado no mundo substituísen o material actual por residuo pneumático triturado -un proceso que xa se leva a cabo nas plantas de valorización- e engadisen un 10% de goma EVA, poderíase conseguir un aforro duns 20 millóns de euros cada ano no gasto por materia prima e unha redución dunhas 40.000 toneladas de emisións de CO2".

Actualmente, os investigadores da URV e da UPC traballan para buscar novas aplicacións utilizando a mesma técnica e, de momento, obtiveron resultados prometedores con aplicacións como recubrimentos e bandexas para cables.

(Fonte: NCYT)