A economía circular recruta a metade das empresas galegas

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Galicia segue os pasos de Europa e achanda o terreo para a economía circular. Tres de cada catro empresas da comunidade ven neste sistema a solución aos seus problemas ambientais, e máis da metade delas están dispostas a implementalo nas súas actividades.

A economía circular baséase no aproveitamento de recursos e a redución dos residuos para eliminar os efectos ambientais dos procesos de produción das empresas.

Preto da totalidade do tecido empresarial galego asegura que o cambio climático afecta a Galicia, segundo unha enquisa realizada pola axencia Aporta Comunicación, un contundente 94% comparte esta opinión. Pero aínda hai máis consenso cando se trata da conciencia ambiental da sociedade, o 97,3% considera que non é suficiente e que é necesario desenvolvela máis. Ante esta situación, algunhas empresas reclaman un endurecemento da normativa legal, mentres que outras apostan por impulsar campañas informativas de sensibilización, utilizar enerxías renovables ou promover vantaxes fiscais para aquelas entidades que adopten boas prácticas.

Pero hai unha solución que engloba todas estas iniciativas: a economía circular. Aínda que o termo xurdiu nos anos 80 en Europa como resposta a modelos caducos que provocan un alto impacto ambiental, foi recentemente cando se empezou a falar deste sistema, antes coñecido como a regra dos tres R (reducir, reutilizar e reciclar).

A Unión Europea xa traballa en estudos para expandir este modelo económico, e Galicia tamén está a achandar o terreo para a súa implantación. O 74,5% das entidades consultadas atopan neste modelo unha forma de resolver os seus problemas ambientais, e delas, o 54% están dispostas a aplicala nas súas actividades.

Mil consultas

O estudo, de carácter rexional, examinou máis dun millar de empresas, cuxa sede está en Galicia, entre marzo e maio deste ano. Non obstante, vai máis alá da maioría de enquisas, que se limitan a analizar as grandes compañías de capitais provinciais, e inclúe sociedades de todos os tamaños e orixe, dende autónomos, microempresas e pemes, ata as grandes empresas. "Fixemos o esforzo de facer minería e buscar datos, información e puntos de vista de pequenas empresas das comarcas galegas", sostén Pedro Tasende, director de Aporta Comunicación, e engade que "consideramos moi interesante e estratéxico saber que opinan tamén os pequenos, porque teñen moito que dicir. Na economía circular teñen cabida absolutamente todos os sectores e todas as fórmulas de empresa".

Do mesmo modo que adaptarse á economía circular non depende do tamaño da empresa, acontece algo similar con respecto aos sectores onde se opera. Tanto o sector terciario como o secundario demostran non só amplo coñecemento sobre o tema, senón un grande interese, especialmente o sector servizos, o predominante no noso país. O sector primario, aínda que tamén está interesado, é o que está máis afastado, especialmente as actividades pesqueiras e agrarias. Non obstante, hai unha visión que comparten os tres sectores: a economía circular non é exclusiva do mundo empresarial, senón que é independente a el, é unha disciplina que abrangue e precisa de todo o mundo.

Este sistema aspira a acabar coa economía lineal e a creación dos produtos de "usar e tirar". "A economía circular non ten un punto de arranque. Moita xente di que empeza no momento no que se produce un residuo, e como se aproveita ese residuo. Outros teorizan con que empeza na concepción dun produto, no ecodeseño. Pero ao ser circular é dinámico, cóllalo por onde o collas sempre hai un punto de arranque. Pódeste incorporar á economía circular en calquera das fases", asegura Tasende.

Mentres que o 60,4% das empresas enquisadas avalan a idea de que todos os actores do proceso son fundamentais, un 18% aposta polo ecodeseño como o elemento esencial e máis relevante da economía circular. Este consiste en deseñar o produto tendo en conta o seu impacto ambiental e o seu tratamento como residuo unha vez deixe de ser útil. O consumidor xoga un papel importante, pois das máis de mil empresas enquisadas, o 87% considera que ten coñecementos sobre a economía circular e unha predisposición positiva para adaptarse e comprometerse con este sistema. Para que funcione axeitadamente, cada actor que interveña debe adoptar actitudes responsables co medio, e iso inclúe a implicación de axentes máis alá do sector empresarial, como os distribuidores, os consumidores ou a esfera política.

¿Tendencia ou compromiso?

¿Podería ser a economía circular simplemente unha tendencia temporal? Esta variable foi contemplada á hora de realizar o estudo, pois Tasende afirma que querían "saber que acontecía, ata que punto falar de economía circular era un postureo, ou se era realmente unha visión compartida por parte do tecido produtivo galego". Os resultados son rotundos, e o crecente apoio lexislativo e social que recibe este modelo avala non só a súa necesidade, senón que vai máis alá de ser unha iniciativa temporal e caduca.

"A economía circular non é un problema, senón unha proposta, unha metodoloxía, unha forma de traballar, un concepto novo que vén poñer unha solución ante o paradigma da problemática ambiental derivada da actividade humana," afirman dende a axencia de comunicación.

A expansión deste modelo por todo o planeta colle músculo día tras día, e Galicia non é unha excepción. A comunidade ten unha excelente oportunidade diante que aproveitar, como xa fan os seus centros tecnolóxicos ou empresas téxtiles. Todo un referente a nivel mundial, con iniciativas como a recuperación e investigación de fibras, a creación de tendas sustentables, ou a redución de impacto nas augas das súas actividades. Os campus universitarios adquiren unha gran relevancia, onde en graos como as enxeñerías hai un amplo abano de posibilidades que desenvolver para lograr que a comunidade sexa un referente e abandeire o progreso da economía circular.

A responsabilidade individual tamén xoga un papel determinante, e tan fundamental como o empresarial ou o político. Pedro Tasende afirma que "tampouco temos que ter metido na cabeza o mundo da innovación como unha relixión, a economía circular tamén é saber reparar". Mentres que se antes se arranxaba calquera aparato que se estragase, como unha lavadora ou unha televisión, agora existe unha cultura onde se substitúe todo o que non serve por produtos novos, fomentando unha produción continua que é prexudicial para o medio. A economía circular apunta ao corazón do sistema, e pretende substituír estas actitudes de consumo desenfreado por un consumo responsable e con conciencia ecolóxica.

(Fonte: La Voz de Galicia)