España mantense por debaixo da media europea en innovación

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Segundo revela o informe anual "Unión pola Innovación", publicada pola Comisión Europea, España continua por debaixo da media comunitaria na maioría dos indicadores, situándose no posto número 17 da clasificación. O país baixou un posto respecto aos datos de 2012 e perdeu tres puntos en innovación relativa dende 2008, cando representaba o 77% da Unión Europea.

A iniciativa "Unión pola Innovación" clasifica cada ano aos Estados membros en catro categorías (líderes en innovación, seguidores, innovadores moderados e modestos), ampliando a súa análise ás rexións comunitarias cada dous anos co Cadro de Indicadores Rexionais.

Tal e como revela o estudo, a brecha entre o noso país e o resto dos socios comunitarios aumentou dende 2008, "España pertence ao grupo dos innovadores moderados, xa que a súa actuación neste campo mellorou entre 2006 e 2013 pero a brecha do país respecto á UE aumentou".

País Vasco e Navarra foron as únicas comunidades que en 2013 rexistraron datos por enriba da media nacional, situándose no grupo dos "seguidores", mentres que Baleares e Canarias remataron na categoría de "innovadores modestos".

Madrid, Aragón e Cataluña perderon a categoría de "seguidores da innovación" respecto aos datos do informe rexional anterior, mentres que Andalucía, Castela-A Mancha e Estremadura melloraron un posto e pasaron a ser "innovadores moderados".

Como puntos débiles de España, Bruxelas sinalou os ingresos por patentes e licenzas no estranxeiro e a exportación de servizos intensivos en coñecemento e destacou a caída do investimento de capital de risco e na innovación das pemes. Non obstante, destacou o número de co publicacións científicas internacionais e a participación nas vendas de innovacións e marcas comunitarias como fortalezas de España.

Manter o investimento en innovación

A comisaria europea para Investigación, Innovación e Ciencia, Maire Geoghegan-Quinn, subliñou en rolda de prensa a importancia do investimento en innovación e instou os países a mantela mesmo en épocas de crise. Ese investimento debe ser "intelixente", e estar "centrado na excelencia", dixo a comisaria, que advertiu de que os Estados membros que recortaron neste ámbito nos últimos anos "van ter que pagar o prezo".

En termos xerais, a CE felicitouse por que "Europa está a pechar a brecha da innovación cos Estados Unidos e Xapón", pero lamentou que "as diferenzas entre os Estados membros da UE seguen sendo altas e diminúen lentamente". Suecia, Dinamarca, Alemaña e Finlandia son os países nos que a innovación foi maior en 2013, se ben a CE destacou a mellora da situación en Portugal, Estonia e Letonia.

(Fonte: Innovamás)