A fabricación 3D chega á industria

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

A fabricación aditiva ou 3D é un dos piares nos que se apoia a Cuarta Revolución Industrial, que promete transformar radicalmente a organización dos medios de produción e a forma de traballar nas factorías. Se ben non se trata dunha tecnoloxía nova, a impresión 3D leva xa varias décadas entre nós e nos últimos anos experimentou un importante salto grazas ao desenvolvemento do software e a evolución do hardware.

"Isto non é algo novo, agora abríronse novos camiños pero en 1995 eu xa estaba a fabricar pezas en 3D, explica Javier García, enxeñeiro de aplicacións NX en Siemens. "Dende entón evolucionaron moito as máquinas e, sobre todo, o software", engade.

A gran diferenza entre a fabricación 3D e a subtractiva de toda a vida é a forma de construír a peza. Os procesos aditivos constrúen obxectos engadindo material capa por capa, depositándoo en forma de fío ou po, mentres que a fabricación subtractiva elimina o material de forma sólida para crear pezas a través dun molde. Na práctica isto tradúcese nun importante aforro xa que se reduce ao mínimo o desperdicio de material. Outra das vantaxes está na personalización.

"Permite obter un alto grao de personalización xa que se pode deseñar cada peza de forma individual, pero non se poden facer grandes series. A única forma de facer 1000 pezas ao día é tendo 1000 impresoras e iso eleva moito o prezo", apunta García.

Descentralización

Dado que os deseños son dixitais e as impresoras 3D son doadas de instalar e non requiren un grande investimento, a adopción de técnicas de fabricación aditiva podería provocar, a xuízo dos expertos, o transvasamento dalgúns procesos de fabricación entre países contribuíndo á reindustrialización de Occidente. "A fabricación 3D trae consigo un cambio de paradigma na produción pasando dun mundo onde a fabricación se fai en masa e de forma centralizada, principalmente en Asia, a outro máis equilibrado e distributivo entre os países", afirma Ramón Pastor, vicepresidente mundial e director xeral do Negocio de HP 3D.

Pastor é tamén responsable do Centro Internacional de Impresión 3D que a multinacional estadounidense inaugurou en xuño en Sant Cugat (Barcelona), o maior da compañía fóra de Estados Unidos dedicado a esta actividade. Dende aquí deséñanse as impresoras 3D que o grupo vende por todo o mundo e investíganse novas aplicacións e materiais. "O que esta tecnoloxía permite é producir onde está a demanda, no momento que se necesita e coas características que se requiren. Case todas as industrias se están a formular incorporalas", indica Pastor.

Unha opinión compartida por Naiara Zubizarreta, xerente da Asociación Española de Tecnoloxías de Fabricación Aditiva e 3 D (ADDIMAT), que aglutina a máis de noventa empresas do sector. "Aínda que esta tecnoloxía atopa mellor acomodo en pezas con xeometrías complexas, a fabricación aditiva estase a revelar como transversal a todos os sectores, de maneira que todas as industrias están a atopar solucións competitivas", asegura.

Nun prazo de entre tres e cinco anos, vaticinan dende IDC, catro de cada dez fabricantes adoptarán este tipo de tecnoloxía. Segundo a consultora, o negocio da fabricación 3D moverá este ano case 14.000 millóns de dólares (12.560 millóns de euros) e espera que creza ata os 22.700 millóns para o ano 2022.

Sectores

Non obstante, hai algúns sectores que levan a dianteira. O automóbil, por exemplo, foi un dos primeiros en comezar a aplicar estas técnicas aos seus procesos de produción. "Un dos problemas que teñen estas empresas é que dende que venden o último coche dun modelo deben ter pezas de recambio durante trinta anos. Non ter que almacenar todas esas pezas e poder fabricalas en función da demanda supón un grande aforro", explica o directivo de HP.

A multinacional traballa con fabricantes como BMW no desenvolvemento dalgúns dos compoñentes do Z8, fabricado entre 2000 e 2003. Outro fabricante como Volkswagen emprega dende 2014 impresoras 3 D na súa factoría de Autoeuropa, en Portugal, para producir ferramentas para uso interno na cadea de montaxe. Outro dos clientes de HP, a compañía ferroviaria vasca CAF, instalou nos seus trens de todo o mundo un total de 2400 pezas fabricadas a través de técnicas de impresión 3D.

O sector aeronáutico é outro dos que se mostra interesado nesta técnica e observa con interese o seu desenvolvemento, aínda que os requirimentos legais fan que de momento a súa adopción sexa limitada e nunca con pezas estruturais dos avións como as ás ou os estabilizadores. "Están moi interesados porque o volume de pezas que necesitan é pequeno e porque permite facer deseños e xeometrías máis eficientes. Pero están sometidos a un proceso de cualificación que leva moitos anos", sinala Pastor.

Malia o interese, sinalan dende Siemens, o uso non é nin moito menos xeneralizado no sector industrial. "A gran maioría dos nosos clientes están empezando a adquirir agora as máquinas e preparando a instalación", aseguran. O grande atractivo é o aforro. O prezo dunha impresora 3D está entre os 200.000 e os 300.000 euros e permite fabricar multitude de pezas. En comparación, o prezo dun molde tradicional é de 100.000 e unicamente permite producir unha peza determinada. "Estas máquinas ocupan menos espazos nas factorías e consumen menos electricidade. Os custos en xeral son moito máis baratos", conclúe García, de Siemens.

(Fonte: Expansión)