Galiciencia celebra a súa edición dedicada á saúde e os bos hábitos con récord absoluto de proxectos presentados

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Un sistema de arranque intelixente para coches que se bloquea se estás bebido, unha cadea de comida rápida saudable, un invernadoiro de patacas para astronautas, un sistema ecolóxico de loita contra a avespa velutina, un casco con luces LED para evitar atropelos de ciclistas e bioplásticos de orixe orgánica son só algúns exemplos dos proxectos que participarán na Galiciencia 2019.

A décima edición da maior feira científica de Galicia rexistrou este ano un récord absoluto de proxectos candidatos a participar. Os 50 stands dispoñibles para os traballos de Secundaria e Bacharelato que competirán polo premio final foron disputados por 134 equipos. Ata este ano, o número máximo de propostas recibidas fora de 83. Como xa vén sendo habitual nos últimos anos, a estes uniranse 30 proxectos de Primaria fóra de competitición.

Galiciencia, que conta un ano máis coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), terá lugar entre os días 8 e 10 de maio no recinto de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense), coa saúde e os bos hábitos como tema principal.

Previamente, o sábado 4 de maio ás 12 horas, terá lugar no Auditorio de Ourense un espectáculo interactivo no que a ciencia e a maxia se darán a man como aperitivo da Galiciencia. O evento, de entrada libre e gratuíta, está especialmente dirixido ás familias. Ademais de ofrecer unha experiencia sorprendente na que se mesturan o lúdico e o didáctico, mediante este evento quérese estender á cidadanía o convite para acudir a Galiciencia en Tecnópole durante as tardes do 8 e o 9 de maio, á marxe das visitas dos grupos escolares.

Pasaporte a outras feiras

Os participantes na competición de proxectos de Galiciencia buscarán situarse entre os tres finalistas. O que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1000 euros para financiar a participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2020. Os vencedores da edición anterior de Galiciencia, do IES San Rosendo de Mondoñedo (Lugo), volveron o mes pasado de Cataluña co primeiro premio na feira catalá, o que á súa vez os levará a representar a España no certame internacional que terá lugar en Abu Dabi, nos Emiratos Árabes.

O segundo equipo clasificado recibirá apoio económico para participar na Zientzia Azoka, a feira anual de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Por último, o equipo gañador do terceiro premio nesta Galiciencia recibirá apoio para participar no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.

Actividades paralelas

As actividades paralelas deste ano terán a saúde e os bos hábitos como protagonistas. A primeira delas supuxo o lanzamento dun desafío que tivo xa varias probas eliminatorias e que resolverá a súa fase final o venres 10. En "Atrévete cos bos hábitos! " participaron 144 escolares de toda Galicia que ata agora competiron de xeito remoto e que se disputarán a vitoria presencialmente durante a Galiciencia. Tamén se entregarán os premios dos concursos de fotografía para alumnos e profesores e de deseño da camiseta oficial do evento. Este último, para o que se recibiron 239 propostas, gañouno Alejandro González Vázquez, de 6º de Primaria do CEIP A Ponte (Ourense).

Durante os tres días da Galiciencia, os visitantes participarán en talleres nos que experimentarán con conceptos relacionados coa saúde. Os participantes coñecerán como funciona o cerebro e cales son os mellores hábitos para mantelo en forma, como inflúen a alimentación e o exercicio físico na nosa saúde, que precaucións hai que ter en conta en relación aos hábitos dixitais ou cales son os principios científicos que se esconden detrás da alimentación sa. Estes serán tamén os temas centrais do espectáculo científico que poderá seguirse o xoves día 9 en streaming (retransmisión en directo por internet) dende calquera centro escolar ou dende a casa.

(Fonte: Tecnópole)