Gas&Go transforma o primeiro autobús que se move con gas renovable en España, un metropolitano da Coruña

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Unha das liñas de transporte metropolitano da compañía Cal Pita da Coruña percorrerá en fase de probas os concellos da súa ruta impulsado por biometano, o gas que se xera na fermentación dos residuos orgánicos, unha vez depurado e refinado. O bus funcionará cun 60% de diésel e un 40% de biometano, en principio.

O responsable desta transformación e adaptación do motor do autobús é a empresa madrileña Gas&Go, especialista en transformación de vehículos a gas natural e gas natural renovable ou biometano, dentro dun proxecto conxunto de Naturgy (Gas Natural S.D.G. e Gas Natural Fenosa Engineering) e o Centro Tecnolóxico EnergyLab, coa colaboración de EDAR Bens S.A., empresa pública supramunicipal que presta o servizo de depuración de augas residuais nos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros.

A transformación e adaptación do vehículo foi realizada no taller homologado para transformacións de INTURASA na Coruña, empresa que dá cobertura para este tipo de adaptacións en toda Galicia. Hai que prepararse para o futuro e colaborar na redución da contaminación", destacou o xerente de Cal Pita, Arturo Míguez. O bus será doadamente identificable pola rotulación con debuxos que leva por toda a carrocería.

O proxecto conta co financiamento da Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 dentro do OT1 "Promover o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e unha investigación de calidade" e ao amparo da convocatoria "Axuda á creación, posta en marcha e consolidación da unidade mixta de investigación" cofinanciada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), organismo dependente da Xunta de Galicia.

GAS&GO é unha empresa de referencia no sector do Gas Natural Vehicular (GNV) para o seu uso como combustible alternativo que forma parte da carteira de empresas incubadas no Parque Científico da Universidade Carlos III de Madrid.

(Fonte: APTE)