Indra e Telefónica crearán o "Fogar Dixital Asistencial" no marco do programa InnovaSaúde

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
Indra e Telefónica crearán o "Fogar Dixital Asistencial", unha plataforma que conectará a través das últimas tecnoloxías os servizos sanitarios co domicilio do paciente. O proxecto forma parte do programa InnovaSaúde da Xunta de Galicia.

"Fogar Dixital Asistencial" permitirá conectar os centros sanitarios co domicilio do paciente mediante o establecemento dunha canle bidireccional de comunicación que permite realizar o seguimento continuado do seu estado sen necesidade de que o paciente acuda aos centros sanitarios, así como establecer unha comunicación en tempo real. A súa finalidade é aumentar a calidade de vida do paciente, evitando reingresos hospitalarios e constantes desprazamentos aos centros sanitarios.

A solución proposta por Indra e Telefónica contempla dous tipos de servizos: un destinado a pacientes que permanecen en réxime de hospitalización nos seus domicilios; e outro orientado á prevención, vixilancia e seguimento de patoloxías- especialmente as crónicas ou que requiren procesos de rehabilitación-, e a promover a continuidade dos coidados na casa.

Esta plataforma ofrece numerosas funcionalidades tanto para os pacientes como para os profesionais sanitarios. Dende a conciliación de tratamentos para evitar interaccións, incompatibilidades ou duplicidades, ata teleconsultas por videoconferencia, envío de recordatorios de autocoidados, autocontrol de parámetros biométricos -presión arterial, temperatura, pulso, glicosa, etc. -, plans de nutrición, exercicio físico ou rehabilitación.

Servizos máis accesibles

Os pacientes poderán acceder á plataforma a través de múltiples dispositivos -TV dixital interactiva, web ou móbil- e interactuar así cos profesionais sanitarios, independentemente da situación onde se atopen, para realizar trámites, consultar a súa historia clínica ou historial farmacolóxico, configurar a recepción de avisos, establecer programas de saúde ou revisar material formativo sobre a súa doenza.

Pola súa banda, os profesionais poderán desenvolver o seguimento e a atención integral do paciente dende o seu domicilio, de forma exhaustiva e optimizando o tempo, ao non aumentar o número de desprazamentos e as visitas presenciais en consulta.

O proxecto enmárcase dentro do plan de innovación sanitaria InnovaSaúde, que consta dun investimento de máis de 45 millóns de euros, cofinanciado polos fondos FEDER, dentro do Programa Operativo de I+D+I por e para o beneficio das empresas, Fondo Tecnolóxico 2007-2013.

(Fonte: Indra)