Licitado un servizo de drons con desfibrilador para os que sufran unha parada cardíaca no Camiño de Santiago

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, anunciou a contratación do desenvolvemento dun servizo integral de cardioprotección no Camiño.

Trátase dun sistema que busca mellorar os tempos de resposta en caso de que algún peregrino sufra unha parada cardiorrespiratoria, a través da utilización de drons que, equipados cun electrocardiógrafo e un desfibrilador, poderán acceder de xeito máis rápido e sinxelo ao lugar no que se atope a vítima.

A licitación, que conta coa implicación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como das de Sanidade e Cultura e Turismo, ten un importe máximo de 1.149.500 euros e terá que estar validada en 2020. Créase así un proxecto que, segundo o conselleiro, converte a Galicia en pioneira a nivel nacional e europeo, grazas á facilidade de resposta ante peregrinos que poidan sufrir un problema deste tipo.

O sistema está integrado coa Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias CCUS-061, que en caso de emerxencia poderá facilitar asistencia sanitaria urxente a través destes medios aéreos non tripulados, mellorando significativamente os tempos de actuación, unha cuestión clave no tratamento deste tipo de síntomas. Ademais, destaca a flexibilidade deste servizo, que poderá levar material médico mesmo aos lugares de difícil acceso polos que discorren algúns tramos do Camiño.

Cabe destacar a facilidade de uso destes desfribiladores, que poderán ser usados pola persoa que acompañe á paciente. Ademais, o asistente estará guiado en todo momento por persoal sanitario que lle explicará os pasos a seguir dende a Central de Coordinación do 061. Deste xeito compleméntase o proxecto Camiño de Santiago, espazo cardioprotexido, co que a Xunta está a incorporar desfribiladores semiautomáticos externos nos 70 albergues públicos galegos, á par que forma os traballadores no tratamento e diagnóstico desta patoloxía.

Espazo cardioprotexido

Así, a conversión do Camiño nun espazo cardioprotexido é un obxectivo que fai parte do Plan Estratéxico do Xacobeo 21 o guión a seguir e co que a Administración pretende poñer a punto todos os aspectos e servizos que rodean a Ruta, antes da celebración do Ano Santo.

Neste sentido, o contrato encádrase no programa de solucións da Civil UAVs Initiative, a iniciativa estratéxica da Xunta, que ten como obxectivo atraer os investimentos ao sector aeroespacial e desenvolver a industria de sistemas e vehículos non tripulados que poidan mellorar a prestación de servizos públicos, convertendo o Polo Aeroespacial de Galicia nun referente internacional. De especial relevancia é a prestación de servizos relacionados coa seguridade da frota pesqueira, a calidade das augas, a xestión forestal ou, como neste caso, a atención inmediata ante situacións de emerxencia sanitaria.

(Fonte: El Correo Galego)