Un novo método con nanoestruturas consegue facer transparente calquera metal

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Un estudo internacional con participación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) demostrou que se poden obter metais transparentes. Mediante o uso de nanopartículas ou nanofíos metálicos, os investigadores crearon un metamaterial feito de metal pero que imita o vidro; transparente no infravermello pero coa condutividade dun metal. Os investigadores sosteñen que mediante esta nanoestruturación se pode facer transparente calquera metal.

O estudo, que se publicou en Nature Communications, podería ter diversas aplicacións, como novos compoñentes ópticos para análise e comunicacións, en células solares onde son claves os eléctrodos transparentes polo seu alto rendemento, ou como vidros resistentes en ipads e móbiles, entre outras.

"A idea empezou como un xogo despois de ver un episodio de Star Trek, onde a tripulación da Enterprise usaba aluminio transparente para transportar e salvar unha balea," explica Vincenzo Giannini, investigador do CSIC no Instituto de Estrutura da Materia, que participou no estudo. "A idea era ver se podería existir un metal transparente. A resposta é afirmativa e conseguimos demostralo teórica e experimentalmente", engade Giannini. Este traballo é froito da colaboración entre o CSIC, o Imperial College London, a Universidade de Vigo e a Universidade de Tarragona.

"Descubrimos que se poden obter metais máis transparentes no infravermello mesmo que a maioría dos vidros", sinala Giannini. "Explicado de xeito sinxelo: descubrimos que, usando nanoparticulas ou nanofíos metálicos, é posible crear un metamaterial feito de metal pero que imita un vidro, de forma que conseguimos ter un novo material que ten a transparencia do vidro e a condutividade dun metal".

Os investigadores demostraron a súa formulación cun experimento con nanopartículas de ouro. Investigadores da Universidade de Tarragona e de Vigo elaboraron unha lámina construída con nanoparticulas ordenadas de ouro. "Logo mediuse se a luz a atravesaba", explica Giannini. "En principio unha lámina continua de ouro con esas dimensións é un espello perfecto, pero o que logramos é unha lámina transparente, confirmando así a teoría".

(Fonte: CSIC)