Obteñen diésel a partir de bolsas de plástico

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento
As bolsas de plástico das tendas, unha fonte abundante de lixo na terra e no mar, pódense converter en diésel, gas natural e outros produtos derivados do petróleo útiles, segundo investigadores estadounidenses.

A conversión produce significativamente máis enerxía da que necesita e dá como resultado combustibles para o transporte -diésel, por exemplo- que poden mesturarse con diésel e biodiésel ultra baixos en xofre xa existentes. Outros produtos, tales como gas natural, nafta ou éter de petróleo (un disolvente), gasolina, ceras e aceites lubricantes tales como aceite de motor e aceite hidráulico tamén se poden obter a partir das bolsas da compra.

Un artigo sobre o estudo, realizado por investigadores da Universidade de Illinois, aparece na revista Fuel Processing Technology. Hai outras vantaxes neste tratamento dos plásticos, que inclúe quentar as bolsas nunha cámara sen osíxeno, un proceso chamado pirólise, sinala Brajendra Kumar Sharma, investigador sénior no Centro de Tecnoloxía Sustentable de Illinois, que dirixiu a investigación. O ISTC é unha división do Prairie Research Institute, da Universidade de Illinois.

"Da destilación do petróleo cru obtense só o 50 ou 55% en combustible", explica Sharma na nota de prensa. "Pero xa que este plástico está feito de petróleo, pódese recuperar case o 80% en combustible a través da destilación. Os estadounidenses tiran ao redor de 100 mil millóns de bolsas de plástico para compras cada ano, unhas 300 por habitante, segundo o Instituto Worldwatch. A Axencia de Protección Ambiental dos EE.UU. sinala que só o 13% se recicla. O resto das bolsas rematan en vertedoiros ou na natureza, flotando a través do aire e caendo nas vías fluviais.

Un residuo letal

Na UE, en 2010 sacáronse ao mercado uns 96.600 millóns de bolsas, o que quere dicir que a cada europeo lle corresponde unha media de 198 bolsas de plástico ao ano, reutilizables ou non. O consumo varía moito duns países a outros. Oscila entre as catro bolsas por persoa e ano, en Dinamarca e Finlandia, ás 466 bolsas de Polonia, Portugal ou Eslovaquia. Un español utiliza unha media de 133 bolsas de plástico ao ano, que con todo é unha redución evidente xa que en 2009 o consumo era dunhas 300 bolsas por persoa e ano.

As bolsas de plástico constitúen unha parte considerable dos residuos plásticos que están a matar a fauna dos mares e enchendo de lixo as praias. "Detectáronse ata nos polos", recalcan os investigadores. "Pasado certo tempo, este material empeza a romper en pequenos anacos, e é inxerido xunto co plancto polos animais acuáticos", denuncia Sharma. Atopáronse peixes, aves, mamíferos mariños e outras criaturas cunha gran cantidade de partículas de plástico nas súas entrañas.

As bolsas da compra enteiras tamén ameazan a vida salvaxe. "As tartarugas, por exemplo, pensan que as bolsas de plástico son augamares e tratan de comelas", explica o investigador. Outras criaturas enrédanse nelas.

Un paso máis

Estudos previos xa utilizaran a pirólise para converter bolsas de plástico en petróleo cru. O equipo de Sharma levou a investigación un paso máis alá, ao realizar o fraccionamento do petróleo cru en diferentes produtos derivados e analizar as fraccións de diésel para ver se cumprían as normas esixidas aos combustibles diésel e biodiésel ultra baixos en xofre.

Unha mestura de dúas fraccións destiladas reuniu todas as especificacións esixidas a outros combustibles diésel usados hoxe en día, só coa adición dun antioxidante. Os investigadores foron capaces de combinar ata un 30% do seu diésel derivado do plástico con diésel normal, e non atoparon problemas de compatibilidade co biodiésel. "É perfecto", resume Sharma. "Podemos usalo mesturado sen necesidade de ningún cambio".

(Fonte: Tendencias21)