O polígono de San Cibrao elabora un plan de mobilidade sustentable

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

A asociación de empresarios do polígono de San Cibrao celebra este ano o cuadraxésimo aniversario da súa constitución, pero máis que na súa historia, está a pensar en como participar para definir a área industrial do futuro.

O presidente do colectivo, José Antonio Rodríguez Araújo, presentou o proxecto da nova directiva ante a asemblea xeral de socios. "Crear o polígono de dentro doutros 50 anos non é só o noso reto, senón tamén a nosa responsabilidade e obriga, como foi a daqueles pioneiros que pensaron e planificaron en 1965 o que somos hoxe, a maior área industrial de Galicia", manifestou o presidente.

Neste sentido, Rodríguez Araújo anunciou as dúas iniciativas principais que pretenden promover: a ampliación do polígono -que sería a maior da historia desta área industrial, segundo a asociación- e a elaboración dun plan de mobilidade sustentable, que resolva o problema da zona nesta materia, con propostas concretas que afectarán ao movemento de empresas, vehículos lixeiros e pesados e de mercadorías.

A mobilidade xeral no polígono mellorarase, dixo o presidente, con esa ampliación, cos novos accesos en construción -o enlace coa A-52 prevese que entre en servizo a mediados do próximo ano, pero quérese que continúe en circunvalación ata o Parque Tecnolóxico- os novos fluxos de tráfico cara á área comercial e, por riba de todo, reducindo o uso do vehículo privado con alternativas de desprazamento eficaces e sustentables.

Neste plan figura acelerar e potenciar unha estación de mercadorías na Cidade do Transporte. Os empresarios do polígono defenden a súa situación aí pois o polígono xera "o oitenta por cento do tráfico de mercadorías na provincia". Ademais da recolocación do transporte ferroviario de mercadorías, a asociación empresarial liga a futura chegada do AVE coa necesidade de ampliar o polígono en previsión dunha esperada maior demanda, tanto polo revulsivo do tren de alta velocidade como pola expansión da área industrial de Vigo cara a Ourense. Rodríguez Araújo enxalzou a importancia do polígono de San Cibrao, onde hai 8500 postos de traballo e 430 empresas instaladas nos 4.800.000 metros cadrados de superficie industrial. A zona ten un 88% de ocupación, subliñou o presidente do colectivo.

Unión empresarial

No que á petición de ampliación se refire, Rodríguez Araújo agradeceu a colaboración do alcalde de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández. Na súa alocución ante os empresarios asociados, José Antonio Rodríguez Araújo sostivo que son necesarias a unidade e a cohesión internas de todos os colectivos empresariais da provincia, especialmente aos máis importantes, como é a CEO, que vive un momento de división no seu seo. "Cando os empresarios nos dividimos, perdemos colectiva e individualmente. Perdemos nós e perde o noso contorno, ao que nos debemos e ao que tanto lle debemos. Traballemos pois, todos xuntos, a favor da unidade, como facemos na nosa asociación dende hai anos", apelou.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen tamén interveu na asemblea, incidiu na necesidade de seguir traballando de forma conxunta para reforzar a competitividade empresarial. Sostivo que hai que dar resposta ás necesidades do tecido produtivo e contribuír a ter unha industria máis competitiva. Conde defendeu que a lei galega de implantación empresarial ten o obxectivo de captar novos investimentos e inclúe a figura dos concellos emprendedores, 55 dos cales -entre eles San Cibrao das Viñas- están na provincia de Ourense.

(Fonte: La Voz de Galicia)