Xornada para descubrir materiais sustentables para o envasado de alimentos

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Arquivo mensual

Vindeiros eventos

A Consellería de Economía, Emprego e Industria celebra o próximo xoves 14 de novembro no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) unha nova xornada de traballo no marco do Programa de Deseño para a Innovación 2020.

O workshop "Novos materiais para packaging sustentable" ten por obxectivo difundir entre as empresas e os profesionais do deseño galegos as oportunidades que abren os materiais innovadores para o envasado de alimentos coa menor pegada ambiental posible.

A Axencia Galega de Innovación celebra esta xornada nas instalacións da Materioteca de Galicia, que está a punto de cumprir os seus primeiros seis meses de traxectoria coa perspectiva de consolidar e ampliar as súas actividades como instalación de referencia dos materiais innovadores para as empresas e profesionais do deseño galegos.

O workshop está aberto á libre inscrición para profesionais do deseño, persoal investigador do campo dos novos materiais, estudantes e empresas.

Obxectivo: reducir a pegada ambiental

O desenvolvemento de novos materiais está a abrir alternativas para o envasado sustentable de alimentos, contribuíndo así á redución da súa pegada ambiental. Este workshop ten por obxectivo facilitar a súa transferencia á industria a través do traballo dos profesionais do deseño, con dúas opcións de participación.

A primeira delas, de auditorio limitado a 50 persoas, combina unha sesión de presentación e un taller práctico que se estenderá ata media tarde. A segunda, sen límite de participantes, permite asistir á sesión de presentación durante a mañá.

Durante a primeira parte da xornada, ademais dos servizos que se prestan a través da Materioteca de Galicia, serán expostos os novos retos e tendencias de innovación no envasado de alimentos, ámbito sobre o que tamén se presentarán as últimas solucións sustentables. Os desafíos do sector do comercio, a normativa internacional sobre sustentabilidade no envasado e as posibilidades que ofrecen os novos materiais creados en Galicia para o packaging completan a sesión expositiva. Participan como relatores representantes do centro tecnolóxico ANFACO-CECOPESCA, das empresas Sigillum, Ecoplas e Papelera de Esgrimía e da Xunta de Galicia.

O workshop completarase cun taller práctico no que os participantes traballarán en grupo para xerar novas ideas e resolver retos baseados no uso de materiais innovadores para packaging sustentable. Será impartido por Material ConneXion Bilbao, o maior centro internacional especializado en materiais innovadores e procesos de transformación.

En paralelo ao taller, os asistentes poderán participar logo de solicitude en reunións bilaterais co fin de facilitar a transferencia e buscar posibles sinerxías ou colaboracións entre empresas, profesionais do deseño e grupos de investigación.

Este workshop celébrase no marco do Programa de Deseño para a Innovación 2020 da Xunta de Galicia, que busca abrir canles de contacto produtivas entre os profesionais do deseño e as empresas galegas, difundir casos de éxito e boas prácticas e ofrecer ferramentas prácticas de xestión dos elementos clave necesarios para que o deseño a converta nun factor de competitividade para o tecido industrial de Galicia.

Esta iniciativa está aliñada cos obxectivos dos dous proxectos europeos deste ámbito nos que participa GAIN: o Design4 Innovation e o User-Factor, iniciativas de Interreg Europe e Interreg Atlantic Area orientadas a crear estratexias rexionais de deseño e garantir a súa implantación nas pemes.

Programa e inscrición.

(Fonte: Cope)