200 empresas e centros de coñecemento coñecerán o último en biotecnoloxía, biomasa e agroalimentación no Agrobiotech Fest

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Arredor de 200 representantes de empresas e centros de coñecemento dos sectores biotecnolóxico, agroalimentario e da biomasa daranse cita o vindeiro venres 22 de novembro no Agrobiotech Innovation Fest, un evento bienal que chega á súa terceira edición cun formato totalmente renovado e que terá lugar de novo no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense).

O encontro enmárcase no Programa Agrobiotech Innovación, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e da Tecnópole. Mediante accións de formación e asesoramento individualizado, 11 empresas de toda Galicia melloraron as súas capacidades para consolidar o seu modelo de negocio grazas a este programa de aceleración de empresas.

O vindeiro venres, estas pemes mostrarán os seus produtos innovadores durante toda a xornada nos seus stands e impartirán talleres para dalos a coñecer en profundidade. O control de calidade de produtos téxtiles, alimentarios e biomédicos; o descubrimento de fármacos, as novas abordaxes do cancro mediante a biopsia líquida e a obtención de biotoxinas e extractos de algas centran as propostas das empresas do sector biotecnolóxico. No caso das pemes agroalimentarias, presentarán solucións de cultivo hidropónico de hortalizas, a fabricación de derivados lácteos de alto valor engadido, a produción de alimentos deshidratados e a tecnoloxía de intelixencia sensorial para a realización de catas. Polo que respecta ás da biomasa, novos sistemas de control de calidade dos pellets, esponxas vexetais e nutracéuticos obtidos de fungos cultivados sobre madeira protagonizarán os seus stands.

Compartir coñecemento e abrir novas vías de negocio

O evento está deseñado para compartir coñecemento sobre as últimas tendencias e innovacións nos tres sectores de referencia, para o que un nutrido plantel de expertos expoñerá casos de éxito e experiencias sobre o desenvolvemento de alimentos innovadores, a biotecnoloxía fronte á innovación industrial e a economía circular. Nas mesas redondas, que serán moderadas por representantes dos clústers galegos da alimentación e a biotecnoloxía e da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) ¬–dependente da Xunta de Galicia–, participarán empresas de referencia como Pascual, CAPSA, Biochemize e Grupo Natac.

A sesión da tarde centrarase nos combates dialécticos, nos que representantes de empresas en posicións de liderado defenderán por parellas enfoques diferentes sobre temas de actualidade. Nueva Pescanova, FINSA, Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), Cafés Candelas, Galchimia, Quescrem, Bialactis, Ecoplas, Qubiotech e Real Conservera Española enfrontaranse en cinco combates sobre a innovación na grande empresa versus na peme, o financiamento mediante capital risco contra o procedente de business angels, a internacionalización fronte á consolidación no mercado local, os produtos gourmet versus os alimentos funcionais e a I+D interna ou en colaboración entre empresas.

Co fin de favorecer o contacto directo, programarase unha axenda de reunións bilaterais segundo os intereses dos participantes.

Máis información en http://fest.agrobiotech.gal.