Boeing e FIRST Scandinavia celebran a inauguración da Aula Newton permanente en Tecnópole

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

Vindeiros eventos

Non hai eventos polo momento

Boeing e FIRST Scandinavia celebraron a inauguración da Aula Newton permanente en Galicia, situada en Tecnópole. Xunto con Boeing, a organización sen ánimo de lucro norueguesa FIRST Scandinavia trouxo a experiencia de aprendizaxe Newton a España. Equipouse un grande espazo de aprendizaxe permanente, que acollerá a estudantes de entre 14 e 16 anos para ofrecerlles unha experiencia formativa de alta calidade en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (materias STEM).

Á inauguración asistiron, entre outros, dirixentes de Boeing e FIRST Scandinavia, autoridades locais, profesores e estudantes, ademais do vicepresidente económico da Xunta de Galicia, Francisco Conde.

“Enorgullécenos que Galicia sexa a primeira rexión española en contar cunha Aula Newton permanente”, comentou Angela Natale, Directora Xeral de Boeing para o Sur de Europa. "Grazas á nosa colaboración coa Xunta de Galicia e ao apoio de FIRST Scandinavia, e tras o éxito do programa hai dous anos, coa instalación da Aula Newton portátil en Lugo, reafirmamos a nosa colaboración con Galicia e os nosos socios locais, o que testemuña o noso forte compromiso con España e as súas comunidades".

"Co apoio dos nosos colaboradores, establecemos unha Aula Newton como recurso permanente para a comunidade, que complementa a oferta educativa desta rexión. Estamos encantados coa oportunidade de proporcionar a estudantes e profesores novos programas e métodos educativos que estimularán a curiosidade, a motivación e o gusto polas materias STEM. Esperamos que o sector industrial e os estamentos gobernamentais de toda España se fixen en Newton Galicia en Tecnópole, e que podamos aproveitar o seu éxito para crear unha rede de Aulas Newton en todo o país. É un pracer acoller a primeira Aula Newton de España na nosa rede Newton internacional", declarou Stian Elstad, Director Xeral de FIRST Scandinavia.

Pola súa parte, o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, asegurou que a posta en marcha en Tecnópole da primeira Aula Newton permanente de España espertará nos máis novos o interese por actividades que terán unha gran demanda nun futuro próximo. Así, fixo referencia ao auxe do sector aeroespacial, xa que foi no que máis empresas se crearon durante a pandemia en Galicia. “Esta iniciativa vén acrecentar o compromiso deste parque tecnolóxico coa divulgación científica, nun momento no que é imprescindible educar na innovación e o emprendemento para estimular o talento nas futuras xeracións”, indicou Conde.

"A Aula Newton sitúa a Tecnópole na vangarda da educación moderna. Con ese obxectivo en mente construímos este espazo permanente onde os estudantes de secundaria galegos terán a oportunidade de vivir unha experiencia educativa incrible e asombrosa. O Parque Tecnolóxico de Galicia aumenta a súa oferta na promoción de materias STEM cun enfoque especial nas mulleres novas. Comezamos hai máis de 15 anos, coa creación da feira científica Galiciencia, que reúne experimentos desenvoltos por estudantes de toda España, ou as nosas Aulas Tecnópole, onde estudantes de primaria e secundaria desenvolven os seus proxectos científicos e tecnolóxicos", afirma Javier Taibo, Director de Tecnópole.

A Aula Newton de Tecnópole é a primeira que se establece de forma permanente en España, e trátase dun formato que cultivou un grande éxito en Noruega, onde hai máis de 40 aulas permanentes. As Aulas Newton encaixan particularmente ben en zonas rurais, e permiten que os estudantes perfeccionen as súas habilidades en materias STEM baixo a supervisión de profesores especializados.

O apoio do Goberno galego a esta iniciativa enmárcase no programa autonómico de fomento de vocacións científico-tecnolóxicas 'Voando alto, sumando vocacións', no que colabora Boeing, que á súa vez tamén é socio industrial e tecnolóxico da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia con proxectos como o de Xestión e seguridade do tráfico para espazos aéreos compartidos.