Origo Biopharma desenvolve en Tecnópole un fármaco contra o cancro de colon

Buscar

Susbcrición Newsletter

Introducir e-mail

A empresa galega Origo Biopharma, con sede en Tecnópole, ampliou capital para fortalecer a súa estrutura accionarial e gañar músculo financeiro para afrontar con garantías os traballos de investigación para o desenvolvemento en Galicia de varios fármacos de acción local contra o cancro colorrectal e a fibrose asociada á enfermidade de Crohn.

Esta compañía, fundada en 2017, é froito dos avances da biotecnolóxica galega GalChimia, con sede no Piñeiro (A Coruña), no proxecto IO4COLON, unha iniciativa que conta co apoio da Xunta.

Ata agora o capital de Origo Biopharma estaba integrado a partes iguais por GalChimia, que lidera a presidenta do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias dan Vida (Bioga), Carme Pampín, e por Julio Castro, que á súa vez preside Palobiofarma, unha compañía biotech con sede en Navarra e Barcelona que se dedica ao descubrimento de fármacos.

A nova ampliación de capital en Origo Biopharma reforza a presenza de ambos os dous socios de referencia e dá entrada no conxunto de accionistas a Ramon Bosser, doutor en Bioloxía Celular, que exercerá como director xeral (CEO) da compañía.

O obxectivo, explica Bosser, é "desenvolver inhibidores de TGF-beta, unha diana que ten un papel moi importante no campo da inmunooncoloxía e a fibrose". O efecto é local, matiza, "só no punto no que queremos que actúen, evitando así efectos secundarios no resto do organismo". Trátase, en definitiva, de aproveitar o sistema inmunitario do organismo para combater as células malignas.

As investigacións do primeiro produto da compañía van dirixidas a enfermidades localizadas no tracto gastrointestinal, como o cancro de colon e recto e a fibrose asociada á enfermidade de Crohn. Ramon Bosser asegura que é un traballo "moi novidoso; ata onde nós sabemos, non hai ninguén no mundo que estea a utilizar esta aproximación con esta diana". En todo caso, os resultados da I+D biofarmacéutica poden tardar en chegar. "Como mínimo fan falta dez anos para completar o desenvolvemento dun fármaco e, ademais, son necesarios millóns de euros", conclúe.

(Fonte: Faro de Vigo)